lunes, 28 de abril de 2008

Ava Gardner in the rye...


Na película "Mogambo" (dirixida por John Ford, 1953: é dicir, un pouco posterior á edición do libro de Salinger, mais non demasiado), no minuto cincuenta Ava Gardner canta unha canción alí presentada como tradicional escocesa, titulada "Coming through the rye". Primeiro canta ela soa, e despois formando un trío con dous amigos. Soamente o penúltimo verso é diferente cando cantan Ava soa antes e o trío despois. Ésta é a letra completa dunha cancionciña que dura aproximadamente un mnuto: "When a body meets a body/ Coming through the rye/ If a body kisses a body/ Need a body cry?// Every lazzie has a laddie/ Non they say have I?/ But all at last they smile at her/ When coming through the rye// (A partires de aquí é xa o trío) When a body meets a body/ Coming through the rye/ If a body kisses a body/ Need a body cry?// Every lazzie has a laddie/ Non they say have I?/ But all the boys at last smile at her/ When coming through the rye."
Desde logo agora si é unha canción, e non un poema... Pero a letra segue a ser bastante parecida e de tema amoroso ou erótico (o verbo "catch" non aparece, e si a expresión "meets").
En calquera caso , o que si é certo é que cando vimos e escoitamos esta escea da película nunha reunión deste club de lectura, alguén comentou que a melodía parecía a típica cancionciña infantil tradicional, observación coa que todos coincidimos e que enreda máis se cabe a confusión de Holden entre "catch" e "meet", a moza e os nenos...
(Gracias a S. e A. pola súa axuda á hora de transcribir a letra da canción. Levou tempo...).

domingo, 27 de abril de 2008

Sobre o título de "The catcher in the rye"


¿Detrás deste intraducible título -véanse as diferencias dos títulos en galego, castelán e catalán, supoñendo que o catalán sexa un título e non unha broma- hai unha canción ou un poema? Boa pregunta. Ímos por partes...
Xa no capítulo 16, ao comezo, Holden fala dun neno que pola rúa vai cantando: "Achegueime, para oí-lo que cantaba, e era aquilo de : `Se un corpo pilla outro corpo no medio do centeo´". Na traducción castelá onde en galego di "pilla", di "coge", sendo o resto practicamente igual. O orixinal di en inglés `If a body catch a body coming through the rye´. ¿Realmente débese traducir "body" por "corpo"? Demasiado literal, talvez.
Pero hai que chegar ao capítulo 22 para entrar máis ao fondo. A súa pequena irmá Phoebe acusa a Holden de que realmente non lle gusta nada. Éste dubida, e finalmente bota man desa canción (páxinas 184-185), pero Phoebe corríxeo dobremente: a letra non diría "catch/pilla/coge", senón "meet/atopa/encuentra", segundo ela, e ademais sería un poema de Robert Burns (Escocia, 1759-1796), di a nena de...¡dez anos! Inmediatamente Holden recoñece o erro da letra, afirmando polo demais que xa sabía que era un poema de Burns. O poema de Burns titúlase "Coming though the rye", e di así: "Coming thro´ the rye, poor body,/ coming thro´ the rye,/ She draiglet a´ her petticoatie,/ Coming thro´ the rye.// O Jenny´s a´ wat, poor body;/ Jenny´s seldom dry; / She draiglet a´ her petticoatie/Coming thro´ the rye.// Gin a body meet a body/ Coming thro´ the rye/ Gin a body kiss a body-/ Need a body cry?// Gin a body meet a body/ Coming thro´ the rye/ Gin a body kiss a body-/ Need the world ken?"
Polo que parece, Holden cambia o "meet/atopa/encuentra" dun poema (¿ou canción?) que fala dunha moza, dun encontro desta cun mozo, cabe supoñer, e dun bico entre eles, por un "catch/pilla/coge", por influenza probablemente do neno que así cantaba pola rúa no capítulo 16, recordemos, onde xa non hai moza algunha, nin escea erótica, senón algo ben distinto: moitos nenos xogando, nun gran campo de centeo, sen adulto ningún cerca -agás Holden, claro-, e o perigo dunha barranqueira -"precipicio", na traducción ao castelán de Carmen Criado; "crazy cliff", no orixinal de Salinger-. Holden veríase a si mesmo como o "catcher/vixía/guardián" "in/no/en el" centeo para "coller a calquera neno que poida caer poe alí abaixo (...) se (...) non miran por onde van".
A pregunta é: ¿Todos estes cambios son producto da casualidade, ou máis ben hai unha intención no autor? Desde logo, se o autor eleva a título da novela ese fragmento do poema (¿ou canción?) incorporando o erro do neno da rúa e dun Holden xa avisado dese erro pola súa irmá, cabe supoñer máis ben o segundo. E sendo así sería interesante comprobar se hai na novela outros detalles, esceas, etc., nos que haxa outras cousas parecidas ou semellantes que boten algo máis de luz sobre todo isto en particular, e, polo tanto, sobre a obra en xeral...
Pero isto non é todo. Resulta que a actriz norteamericana Ava Gardner ten algo máis que contar... Ou mellor dito, "cantar". Pero iso é outra historia... É dicir, outra entrada. (To be continued).

(Nota: Hai máis dunha versión do poema de Burns).